Tuesday 07 de May de 2024

Cambio de ubicación do espectáculo de Fantoches Baj previsto para este venres


Por mor das previsións meteorolóxicas que anuncian choiva para os vindeiros días, a Concellería de Cultura de Fene anuncia que o espectáculo infantil “Chulises e o velocíclope”, de Fantoches Baj, representarase o venres 14 de xullo na praza do alcalde Ramón J. Souto González (baixo carpa), a carón da Casa do Concello (e non en San Valentín como estaba previsto inicialmente). A cita será a partir das 21.00 horas con entrada libre e de balde.

“Chulises e o velocíclope” é un espectáculo de intervención de rúa no que xogan un xigante,
Agamelón, e un cabezón motorizado, o Velocíclope. O personaxe clownesca de Chulises fai de ponte entre un e outro ao tempo que con bombo, prato e turuta vai animando musicalmente as situacións. Organiza: Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña